15
Xuño
2012

Plans de estudos do Hotel Escola Termal da Eurocidade

Plans de estudos e currículos formativos do Hotel Escola Termal da Eurocidade


O departamento de consultoría e formación do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), contratado polo Concello de Verín para a realización dun estudo de mercado que permita coñecer as necesidades do sector, oferta e demandas, ademais de analizar a oficialidade das titulacións a impartir na escola, realizou nos últimos meses un exhaustivo traballo no que se abordaron cuestións como: análise da oferta e demanda nos centros de formación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, deseño dun completo plan de formación multidisciplinar desde unha óptica operacional e práctica, programa de prácticas en empresas do sector, e un estudo de infraestruturas mínimas necesarias para impartir os diferentes plans de estudos e desenvolvemento de actividades académicas.



Tras análise da oferta e demanda existente nos centros de formación da Eurorrexión Galicia-Norte, o CSHG deseñou un completo plan de formación multidisciplinar desde unha óptica operacional e práctica, co que se cubrirá un campo, o de formación de persoal de servizos orientado ao termalismo, que ata o momento tería unha oferta formativa inexistente en España e Portugal. O programa de estudos concrétase cunha dobre vertente formativa: oferta de titulacións propias (como certificación profesional hidrotermal e fitness acuático e hidrocinesia, que converterán a Escola de Verín na única habilitada na Eurorrexión para impartir estas certificacións de profesionalidade) e cursos con contidos adaptados a cualificacións profesionais e certificados de profesionalidade do Instituto das Cualificacións (mantemento de instalacións termais, cursos de idiomas, animación físico-deportiva, especializada de actividades de animación sociocultural adaptadas á terceira idade e centros de benestar, restauración enfocados ao cliente termal ou cociña saudable, entre outros). Por outra banda, o Centro Superior de Hostalería de Galicia elaborou un programa de prácticas en empresas do sector para que o persoal formado na escola poda continuar a súa formación e abrirse campo nun mercado de traballo que demanda persoal formado en termalismo; no que tamén se contempla convenios de colaboración con centros de educación secundaria e formación profesional, inmersión lingüística e desenvolvemento dun plan de intercambios profesionais e prácticas en empresas de España, Portugal e outros países da Unión Europea.

O Hotel Escola Termal de Verín xunto co Balneario Escola e Laboratorio de Investigacións de Auga de Chaves constitúen o Centro de Formación Turístico Termal e de Investigación da auga da Eurorrexión. Esta acción englóbase no marco de actuacións a desenvolver polo proxecto Eurorrexión Termal e da Auga aprobado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal que conta cun orzamento de 1.786.923,21 cofinanciado nun 75% polo FEDER. O obxectivo do proxecto é consolidar unha estratexia transfronteiriza común para o desenvolvemento coordinado da formación e investigación do sector do turismo termal e da auga na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como polo de referencia da oferta termal de alta calidade de Europa. Os socios do proxecto son: Concello de Verín, Secretaria Xeral de Turismo, a Deputación de Ourense, a Cámara de Chaves, a Asociación de Termas de Portugal, Turismo Porto Norte e a Sociedade Portuguesa de Hidrología Medica.

A Eurocidade Chaves - Verín e a Eurorrexión Termal e da Auga son proxectos de cooperación transfronteiriza aprobados no ámbito do Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financeira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).


Volver